Sunday 19 de May de 2024

A cidadanía pobrense reciclou máis de 36 toneladas de téxtil en 2023


Os colectores para o téxtil distribuídos pola xeografía da Pobra do Caramiñal rexistraron, no total, 36’38 toneladas de roupa e calzado no pasado ano. Constátase, polo tanto, un lixeiro incremento con relación a 2022, cando a cifra se situou nas 35’23 toneladas.
O concelleiro do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, explica que se dispón dunha ducia de contedores para a recollida selectiva deste residuo “co obxectivo lle de dar unha segunda vida a aquela vestimenta que xa non se usa e contribuír así á separación na orixe para evitar que acabe no xenérico.” Deste xeito, o edil precisa que unicamente se permite o depósito de pezas de orixe doméstica: roupa do fogar, de vestir, complementos, calzado e outros elementos con compoñentes téxtiles, como peluches.
As entidades que efectúan a recollida son a empresa de inserción sen ánimo de lucro Arroupa (cor vermella), unha iniciativa promovida por Cáritas, que dispón de contedores na Virxe do Monte, O Xobre, A Angustia e Caíños. Humana (cor verde) ten presenza na rúa Gasset, na rúa Rafael Dieste, na rúa San Lázaro e en Caíños. E Texlimca (cor azul) conta con puntos na rúa Díaz de Rábago, no recheo, no paseo dos Areos e na rúa Venecia-Pintor Laxeiro.
Cáritas rexistrou o maior volume, con 15’10 toneladas no total, seguida de Humana, con 13’66, e de Texlimca, con 7’62.
A finalidade das pezas de roupa que saen destes colectores é diversa, ben sexa con fins sociais ou para a fabricación de materia prima para outros produtos.